Entradas

RSS Fontes

O VOLUNTARIADO PENITENCIARIO


Xaquín Campo Freire.
Este fin de mes celébrase en A Coruña o XIV Congreso Estatal do Voluntariado. O lema: Galicia voluntaria. Camiños da solidariedade. E aparece logo un trazo precioso cun gran corazón.
Cando eu era rapaz novo, onde vai, dicíase con relación á mili: Voluntarios nin para comer, porque logo facíanche o cambiazo e o que comías era o 'marrón que se lle ocorrese ao mando correspondente.
 Non obstante a maior parte da vida en sociedade pasaba e pasa hoxe pola xenerosidade calada de tantas persoas que entregan parte do seu tempo e traballo ao outro e, ás veces, mesmo está en xogo a propia vida.
Que sería da nosa sociedade sen a achega xenerosa e gratuíta dos nosos avós e avoas para sacar adiante os nenos da familia e ás veces os dos veciños?
Médicos sen fronteiras, farmacéuticos mundi, enfermeiros, mestres, técnicos das máis diversas profesións, Cociña económica, Cáritas, Reto, Dignidade, etc.
Seguro que con limitacións e mesmo con fallos. Só se equivoca quen se move, quen arrisca, quen pon da súa parte. O que non achega nada polos demais, normalmente, fica en opinar ou na crítica superficial e ás veces negativa. Que tamén ten o seu valor. Pero quen de verdade empurra a máquina, quen abre a gabia, non son os miróns, senón esa persoa que en silencio súa a gota gorda metido no tallo.
As nosas amas de casa ou servidoras de casa en voluntariado forzoso, só se lles recoñece o seu traballo para dicirlles: Mamá, isto non sabe a nada, pasácheste co sal, queimóuseche o guiso, etc.  Poucas veces escoitarán: Grazas, mamá, polo que fas por nós cada día.
Nun centro penitenciario, cárcere, hai inmensidade de necesidades e de pobrezas de todo tipo. Os antropólogos fálannos das cinco dimensións da persoa: Física, psíquica, emotiva, relacional, espiritual e dentro desta última estaría ocupando unha parceliña o relixioso. En todas elas hai necesidade de persoal de apoio que, sen manipulacións, con toda xenerosidade e respecto á dignidade da persoa, achegue o mellor de si mesmo e, se pode ser, de forma organizada e en equipos multi e interdisciplinares. Necesítanse a todos e en todo.
A acción do voluntariado, no específico do mundo penitenciario, ten que orientarse: 1º) A unha acción seria e organizada de tipo preventivo. 2º) No tempo do internamento é imprescindíbel unha grande dedicación capacitada e eficaz, o máis personalizada posíbel. Ten de conxugarse a prudencia e a eficacia ao resolver o que se poida facer en cada caso e situación. 3º) Pero de pouco serviría o anterior se a sociedade non tomamos conciencia seria do despois. A nosa Constitución fala de rehabilitación e reinserción. E énchesenos a boca con esas palabras para a galería. Sempre: "Que se rehabiliten eles, que se reinsiran ou reinserten eles".
E os medios, o ambiente de acollida, o posto de traballo, o trato social e non sinalar co dedo, e a vivenda, e os pisos de acollida, e a consideración positiva e a aceptación incondicional da que nos fala a psicoloxía humanista, etc., quen pon todo iso?
Só con mirar aos peixes no seu languidecer, se non depuramos e desintoxicamos a auga e non cambiamos as circunstancias vitais, eles sós, morren. Algo teremos que ver nós niso. Os cárceres son nosos e o que se faga con eles tamén. Normalmente solucionámolo todo dunha forma simplista: "Que apodrezan no cárcere".  Que humanitarios somos!  E se fose o teu fillo?
Urxen asociacións de axuda para esa reinserción e acollida no día despois. Ninguén máis capacitado e interesado que o que pasou polo sufrimento. Podería nacer un voluntariado organizado e asociado para favorecer o non fracasar e o non reincidir por ter todas as portas pechadas despois de recuperar a liberdade? O reto está aí. A resposta é de todos. Túa e miña tamén. E se nos asociamos moito mellor. Estarías disposto a algo neste senso? Avecíñanse tempos de carestía e incomprensión. Para o pobre sempre é noite, di o refrán.


Ligazón permanente     Ainda sen comentarios

Quen manipula as esperanzas en beneficio propio?


[Ler máis]

Ligazón permanente     Ainda sen comentarios

I CAMPIONATO DE TRIVIAL XORNADAS DE LINGUA E LITERATURA

As Xornadas de Lingua e Literatura son unha actividade que a CIG-ensino e a AS-PG veñen desenvolvendo desde hai vinte e un anos. Nesta edición incorporamos un campionato de trivial que se rexerá polas seguintes

BASES


   1. Participantes.
Poderá participar calquera persoa que o desexe con independencia do seu lugar de residencia. Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial  no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com
O Campionato rexerase polas normas do Trivial.gz.

    2.- Inscrición.
O Campionato desenvolverase entre as 15 horas do día 25 de abril e as 15 horas do día 29 de abril de 2011.  As datas de inscrición serán entre o 14 e o 24 de abril de 2011.
O nivel de dificultade será de 2  (Medio) e xogarase con 6 temas. Haberá dous  temas obrigatorios (Lingua e Literatura e  Rosalía) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os catro restantes no momento de configurar a partida.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 25 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 25 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.

    3.- Premios.
Para este campionato non se consideran premios en metálico. A AS-PG e a CIG-ensino obsequiará cun lote de produtos audiovisuais de produción propia ás persoas que queden na lista final entre o posto 1 e o 10, os dous incluídos. Así mesmo, dentro destes dez primeiros postos, as tres primeiras persoas que figuren inscritas nas Xornadas terán matrícula gratuíta. Os premios entregaranse, nun acto único,  ás 18:30 do día 30 de abril. Pasado ese acto perderase o dereito a recibir o premio.  Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DI . A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG, non cabendo contra ela ningunha reclamación. A participación no campionato supón a aceptación das bases.


Ligazón permanente     Ainda sen comentarios

Unha obra monumental

María Pilar García Negro


2011 ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional. Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.
 Mais será en  -e a partir de-  1980 cando se abra paso o inicio da que ben podemos denominar NOVA ROSALÍA, o deseño da súa vera effigies, sintomaticamente a máis fiel á súa propria textualidade, ao que ela depuxo e escrebeu, non a que, ortopedia violenta mediante, se desfigurou, para rebaixala a símbolo xibarizado e admisíbel dentro de Galiza e dentro de España. Após varios artigos divulgativos e decisivos estudos publicados no ano 1985  -en que se celebrou o centenario do falecemento da escritora-, no 15 de Xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, cun título, por reducionista, abertamente  desafortunado: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora. Con efeito, tendo realizado un minucioso e prolixo repaso da bibliografía rosalianista anterior, esta obra contiña novidades hermenéuticas e interpretativas primordiais: en primeiro lugar, o seguimento e análise completa de toda a obra rosaliana, en verso e en prosa, en galego e en español; en segundo lugar, o debuxo rigoroso do pano de fundo histórico en que ela se insire; en terceiro lugar, a construción dunha biografía profunda, extraíbel  -tal e como Murguía pedía-   dos seus proprios textos. Era, en fin, last but not least, a primeira obra rosaliana que se preocupaba de analisar e valorar o feminismo da autora como principio organizador da súa obra, aspecto que hoxe semella que todos aplauden e celebran mais que, insisto, é nesta obra onde ten a súa orixe circunstanciada, referida ás novelas, aos ensaios, ao “Conto gallego” e, por suposto, á súa obra poética.
O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX. Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado.
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.

Ligazón permanente     Ainda sen comentarios