O Divino Sainete, de Curros Enríquez, polo grupo de teatro “Achádego”, de Lugo


Por María Pilar García Negro

No día 1 de Xuño de 2008, domingo, tivo lugar no teatro “Rosalía de Castro”, da Coruña, a estrea desta obra de Curros, convertida   -desde a forma poética orixinal-  en drama representábel pola escritora Marica Campo. A obra ten todas as cualidades para que tal operación de mudanza xenérica sexa posíbel: poesía dialóxica; monólogo interior; formato dunha viaxe imaxinario-onírica desde a Galiza até o Vaticano; ironía e humor como ingredientes do discurso fundamentais… Todos estes signos caracterizadores foron cursidosamente respeitados pola adaptadora, que achega así aos nosos días unha actualización positiva dunha obra fundamental do noso Primeiro Renacemento.

O grupo de teatro “Achádego”, de Lugo, adaptouna para a escena, cuidando de ser fiel ao máximo ao espírito do autor, mais non renunciando a cumplicidades co presente, o que revela, por certo, a vixencia plena desta obra de Curros (laicismo; denuncia da venalidade dos poderes eclesiásticos; defensa do cristianismo evanxélico; exhibición e apoloxía da cultura galega e dos seus vultos principais…). Os actores e actrices deste grupo de teatro amador, sob a dirección de Tareixa Campo e mais Antón Sampaio, deron vida ao proprio Curros, como viaxeiro-narrador; a Francisco Añón, o seu guía; a unha desprezativa e españolísima Dª Emilia Pardo Bazán; a frades e beatas, fariseus e pecadores de todos os pecados capitais; ao Papa León XIII, que, após os discursos dos galegos, arrepéndese de toda a riqueza acumulada no Vaticano e decide purgar os seus pecados en peregrinación a Compostela… O público, que encheu o teatro, agradeceu con aplausos prolongados este tan necesario resgate para a historia de autor e obra tan actuais, no centenario do falecemento na Habana do primeiro e no cento e vinte aniversario da publicación da segunda.

Parabéns á Asociación Socio-Pedagóxica Galega e mais á Concellalía de Cultura do Concello da Coruña por amadriñaren e patrocinaren esta estrea e permitiren, así, que o público de hoxe, se recoñeza e conforte na actualización da súa historia cultural e política. 

 
 
 
 
Comentarios:

Enviar un Comentario:
  • Sintaxe HTML: Permitida

 

« febreiro 2012
lunmarmérxovvensábdom
  
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
    
       
Hoxe

 
© Administrador