Alborada

         ALBORADA1
              
               I
      Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. -Vente, auro-
ra, -vente abrin-
do, -co teu ros-
tro -que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

      ¡Canta,
paxariño, can-
ta -de ponliña en pon-
la, -que o sol se levan-
ta -polo monte ver-
de, -polo verde mon-
te, -alegrando as her-
bas, -alegrando as fon-
tes…!

      ¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
¡Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

      Noite escura
logo vén
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal…!

      Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

      ¡Sal…!,
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

               II
      Branca auro-
ra -vén chegan-
do, – i ás porti-
ñas -vai chaman-
do -dos que dor-
men -esperan-
do -¡o teu folgor…!

      Cor…
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén
suspende,
cando aló
no mar se tende,
de fogax
larada viva,
dempois leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.

      Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;
que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peiteado,
da gaitiña
acompañado
¡á porta está…!
¡Xa…!

      Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.

      ¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atru-
xaremos -cantaremos o ¡¡¡ala…lá…!!!

1A máis grande dificultade que achei pra escribir esta alborada, foi o meu deseio de que saíse nun todo arregrada á música. Conseguín esto, pro foi a custa da poesía; non podía ser doutro modo, cando se dá cun aire tan extaño e tan difícile de acomodarlle letra algunha.
Comments are closed.