Para a vida, para a morte

-Para a vida, para a morte
e para sempre en jamás,
pedinte a Dios, e Dios dóuteme
por toda unha eternidá.
-Para a vida, para a morte
e para sempre en jamás,
quero ser vosa, e que seades
o meu Señor natural.
-Mais a que así querer sabe
non debe ter pai n'irmán,
nin home, se é que é casada,
nin fillos, se acaso é nai.
-Espanta o que estás decindo...
mais en sinto que é verdá;
lévame, señor, que irei
onde me queiras levar...
-Pois vente... ¿Que importa o mundo
a quen tén a eternidá?
Xuntos hemos de vivir,
xuntos nos han de enterrar,
e os nosos corpos aquí,
e as nosas almas alá,
quer Dios que en unión eterna
esten pra sempre jamás...

Cal ó paxaro a serpente,
cal á pomba o gavilán,
arrincouna do seu niño
e xa nunca a el volverá.

Publicado o 25/08/2010 por Administrador

Categoría: Follas Novas | 0 Comentarios



Espantada o abismo vexo

-Espantada, o abismo vexo
a onde camiñando vou...
¡Corazón... canto es tirano,
i es profundo, meu amor!
Pois eu, sin poder conterme
n'escoito máis que unha voz,
e a donde ela quer que vaia,
sin poder conterme, vou...

-Hoxe, á noite, des que durman,
sairei polo ventanil;
daránme as sombras alento...
e ¡adios, casa onde nacín!
Honra que tanto estimei,
santidade do meu lar..
¡Polo meu amor vos deixo
para toda a eternidá!
¡Señor!.., daresme castigo;
que o merezo ben o sei;
mais... condename Señor,
a sufrilo cabo del.

Publicado o 18/08/2010 por Administrador

Categoría: Follas Novas | 0 Comentarios