Falamos. Certame de debate
Torneo de debate
A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña convoca o Certame de Debate “Falamos”, que ten por obxecto difundir o galego entre os nosos mozos e mozas. Esta actividade pretende promover o uso do galego a través do diálogo e a confrontación de ideas en público, como exercicio de convivencia e de adquisición de habilidades persoais imprescindíbeis para o desenvolvemento pleno da persoa (busca de información, expresión oral, traballo en equipo, respecto e tolerancia).
Falamos consiste na realización dunha serie de debates entre os equipos inscritos. Cada debate terá carácter eliminatorio, de maneira que só dous equipos alcanzarán a fase final.
O debate consiste na confrontación de argumentos por parte de dous equipos que interveñen, un a favor e o outro en contra, sobre o tema elixido pola organización, e segundo normas que establecen limites de tempo e forma. O obxectivo desta competición é a promoción do galego, polo que se primará sobre todo a calidade lingüística.
QUEN PODE PARTICIPAR?Poderán participar todos os I.E.S (Institutos de Educación Secundaria) e os CIFP da comarca da Coruña, en concreto dos concellos de : Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
O certame está destinado ao estudantado de 4º de ESO e 1.º e 2.º de bacharelato destes centros, ou no seu caso, dos correspondentes ciclos formativos.
Poderán inscribirse un máximo de dous equipos por centro.
EN QUE CONSISTE O DEBATE ?
Este debate consistirá na confrontación de argumentos entre dous equipos para defenderen a posición, a favor ou en contra, sobre o tema: Galego: un dereito ou un deber? A decisión de intervir a favor ou en contra será por sorteo previo ao inicio do debate.Os debates estarán coordinados polo xuíz principal que terá como funcións outorgar as quendas de palabra aos sucesivos participantes e dirimir as cuestións de orde que se expoñan. O capitán comunicará ao xuíz principal antes do inicio de cada debate a función de cada un de membros do equipo (orador ou investigador). A designación das funcións poderá variar dun debate a outro. Os xurados dos debates serán designados pola organización e a súa composición non se fará pública até o día do torneo.
O debate posuirá a seguinte estrutura:
Exposición inicial a favor: 4 minutos.
Exposición inicial en contra: 4 minutos
Primeiro Turno refutación: 5 minutos. A favor
Primeiro Turno refutación: 5 minutos. En contra
Segundo Turno refutación: 5 minutos.A favor
Segundo Turno refutación: 5 minutos. En contra
Conclusión: 3 minutos.En contra
Conclusión: 3 minutos. A favor
Duración total do debate: 34 minutos
OBXECTIVOS DO TORNEO FALAMOS
- Fomentar o uso do galego entre a mocidade nunha actividade onde se valorará especialmente o dominio correcto da lingua galega e a calidade lingüística dos equipos participantes.
- Fomentar unha serie de habilidades, cada vez máis importantes, como son: saber falar en público, aprender a convencer fundamentando e argumentando as conviccións propias e alleas, promover o respecto e a tolerancia como instrumento de comprensión das ideas discrepantes, o traballo en equipo, a coordinación e o repartimento de roles e de tarefas, todos eles presentes nos currículos escolares e con poucos espazos públicos de uso.
- Valorizar a importancia da investigación e da documentación previa antes de defender unha postura determinada.
BASES XERAIS
1. PRAZAS
Nesta edición poderán inscribirse un total de 12 equipos, a razón dun máximo de dous por centro. As prazas outorgaranse por orde de inscrición e, se houber un maior número de inscricións, elaborarase unha listaxe de reserva de centros.
Cada centro poderá inscribir dous equipos mais os segundos equipos serán inscritos nunha listaxe de agarda e concederáselles esa segunda praza en caso de non se cubriren as 12 existentes.
2. INSCRICIÓN
Os equipos interesados en participaren no certame Falamos deberán comunicar primeiramente a súa intención de se inscribiren cubrindo o formulario que se insertará na web: http://bitaculas.as-pg.com/normalizacion/ antes do 30 de outubro.
DOCUMENTACIÓN E PRAZO
Unha vez adxudicadas unha ou dúas das prazas ao centro, este deberá enviar por correo certificado a folla de inscrición, debidamente cuberta e co selo do instituto, antes do 30 de novembro de 2009, á Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Rúa Laracha, nº 9, 15010, A Coruña.
Todos os equipos deberán remitir por correo á Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a súa folla de composición de equipos debidamente cuberta no prazo indicado. Esta folla de composición de equipos poderase enviar xunto coa folla de inscrición.
A folla de inscrición poderanse descargar da web: http://bitaculas.as-pg.com/normalizacion/. A folla de composición de equipos será remitida por e-mail aos centros admitidos.
Xunto coa folla de composición de equipos, deberase presentar a seguinte documentación:
• unha fotocopia da matrícula ou un certificado de matriculación dos/as alumnos/as co selo do instituto.
• unha fotocopia do DNI de cada membro do equipo.
A documentación enviarase a:
Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Rúa Laracha, nº 9, 15010, A Coruña.
O torneo terá lugar o venres 15 de xaneiro de 2010 e a sede dos debates daráselles a coñecer aos equipos con tempo de antelación.
3. TEMA
Nesta edición, o tema obxecto de debate será: Galego: un dereito ou un deber?
4. PROCEDEMENTO DA COMPETICIÓN
A competición constará de: preliminares e final. Este formato poderá variar segundo o número final de participantes.
5. COMPOSICIÓN DOS EQUIPOS
Cada equipo de debate estará composto por catro debatentes e un/unha capitán/á. O/a capitán/á será un profesor ou unha profesora do centro que desenvolverá as funcións de entrenador, asesor e representante do equipo de cara á organización. Algunhas das funcións que deberá asumir serán:
• Orientar o seu equipo na preparación do debate.
• Coordinar o traballo de todo o equipo.
• Definir a estratexia que se vai adoptar durante o debate
Das catro persoas debatentes, dúas actuarán como oradoras e dúas como investigadoras, podendo variar estas funcións dun debate a outro. En todo debate, será imprescindible a presenza dun mínimo de dous/dúas oradores/as e o/a capitán/á. Por tanto, tamén poderán inscribirse equipos compostos, como mínimo, dun/dunha capitán/á e de dous/dúas oradores/as.
Ademais deste grupo principal, pode haber outras persoas que colaboren de forma puntual co equipo; trátase de profesores/as, alumnos/as da clase ou do centro que poden axudar ao equipo nos labores de investigación e preparación do tema. É requisito indispensable que os equipos sexan mixtos; na súa composición garantirase a paridade, de xeito que a diferenza entre ambos os sexos non sexa superior a un, incluíndo o/a capitán/á..
6. IDIOMA
O idioma durante os debates será o galego, sendo a calidade lingüística un dos elementos de especial relevancia a ter en conta polo xurado.
7. PREMIOS
Equipo campión:
- unha viaxe de 5 días a Lisboa para as persoas integrantes do equipo
- unha colección de libros dos/as gañadores/as dos Premios Biblos de Novela para menores de 25 anos
Equipo finalista:
- un reprodutor MP4 para cada membro do grupo
- unha colección de libros dos/as gañadores/as dos Premios Biblos de Novela para menores de 25 anos
1.º mellor orador/a:
- un netbook
- unha colección de libros dos/as gañadores/as dos Premios Biblos de Novela para menores de 25 anos
2.º mellor orador/a:
- un reprodutor MP4
- unha colección de libros dos/as gañadores/as dos Premios Biblos de Novela para menores de 25 anos
8. MANUTENCIÓN
O xantar correrá por conta da organización do torneo.
ORGANIZA:
Asociación Socio-Pedagóxica Galega
Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística
COLABORAN:
Universidade da Coruña
Biblos
A participación no concurso implica a aceptación das bases