Un artigo de Francisco Rodríguez
Hai moitas oportunidades para distinguir o que é o nacionalismo das expresións xenófobas, excluíntes, prepotentes, propias do imperialismo. Desde algunhas perspectivas, inténtase, concretamente no caso do Estado Español, catalogar como nacionalistas moitas manifestacións ideolóxicas que están na súa antítese, de falarmos con rigor. Unha parte da denominada intelectualidade española, unha vez máis, en escalada política agresiva, cree (“Manifiesto por la Lengua Común”) que “hay crecientes razones para preocuparse” pola situación do castelán, no que chaman comunidades bilingües. Incitan á xente a se manifestar a prol de cambios constitucionais e estatutarios que restrinxan os compromisos das administracións públicas só ao “estímulo” do catalán, o galego e do vasco nos seus respectivos territorios, nunca a cooficialidade real.