Estudar literatura, algo máis que ampliar coñecementos.


Así que é absolutamente inaceptábel que a Consellaría de Educación veña de suprimir como optativa a ofertar polos centros educativos unha materia que se viña recollendo até o de agora: Literatura galega do século XX, unha materia que aquel alumnado que quixese profundar no coñecemento da nosa literatura contemporánea podía seleccionar entre un conxunto maior de optativas. Mais a Consellaría de Educación dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón decidiu que esta optativa non merecía ser ofertada polos centros e, ao mesmo tempo, suprimiu tamén as optativas: Literatura Universal Contemporánea e Literaturas hispánicas, supresións que veñen coincidir coa desaparición do Obradoiro de Expresión escrita na ESO, catro golpes na mesma ferida. 

Dicía Castelao: “queremos volver a presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espritual da Humanidade”, e as súas palabras axéitanse á nosa reflexión de hoxe, porque precisamos contar cunha oferta de materias optativas no Bacharelato que lle permita ás mozas e aos mozos galegos elixir unha formación humanística sustentada no coñecemento da literatura escrita no seu país, unha oferta que lles permita achegarse a un número maior de obras literarias cás que se poden estudar dentro do programa da materia de Lingua e Literatura que debe seguir un itinerario determinado atendendo aos diferentes ámbitos que abrangue a materia.

Permítanme que diga que non falamos dunha materia calquera. Na miña humilde opinión a literatura é un facho co que iluminar o camiño do coñecemento, unha metáfora da vida. Por moi subxectiva que sexa a produción literaria é unha ferramenta para coñecer o mundo, unha escusa oportuna e gorentosa que abre a porta do desexo de indagación. As galegas e os galegos sabemos ben da literatura como ferramenta para o coñecemento e o recoñecemento, pois foi a través da obra das nosas escritoras e escritores (maioritariamente escrita no século XX) como fomos moitas veces descubrindo a nosa identidade, a nosa lingua e a nosa historia, as dimensións do país ao que pertencemos. No inicio desa cartografía de noso están os nomes dos poetas, a súa entrega incansábel ao labor da nosa reconstrución.


A decisión de Educación non significa só empobrecemento da oferta de optativas no Bacharelato, significa tamén incidir negativamente nun proceso de normalización lingüística e cultural en que todas as institucións deben colaborar. Eu opóñome.

 
 
 
 
Comentarios:

Eu tamén me opoño, cando consigo falar despois do meu asombro. Paréceme un desvalorización da nosa cultura, da literatura e mesmo das humanidades en xeral. Entendo, ademais, que atenta contra o máis básico sentido común á hora de programar as materias en niveis de ensino dedicados a abrir as perspectivas do cidadán.

Publicado por Alfredo Ferreiro on 08/09/2008 ás 16:25 #

Enviar un Comentario:
  • Sintaxe HTML: Permitida
 

« decembro 2008
lunmarmérxovvensábdom
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
    
       
Hoxe

 
© Administrador