Entradas

RSS Fontes

O falar non ten cancelas

Srs. da Xunta

Uns días despois de facer público o celebérrimo borrador do chamado decreto de plurilingüismo, a Consellaría de Educación anuncia agora que esixirá a toda persoa “que opte a un emprego público o coñecemento dunha lingua estranxeira, que na práctica será basicamente o inglés”. Desde cando un goberno autonómico ten competencia para fixar os requisitos dos candidatos que accedan á función docente?

Ignoran, xa que logo, que a regulación destes requisitos de acceso á función docente, segundo o art. 149.1, 1.ª, 18.ª e 30.ª da Constitución, son competencia exclusiva do Estado?

Ignoran tamén que o Real Decreto 276/2007 polo que se aproba o Regulamento de ingreso á docencia é norma de carácter básico para todo o Estado?

Ignoran tamén que o art. 12 deste mesmo Real Decreto contempla como requisito para os candidatos que aspiren a participar nos procesos selectivos a acreditación do coñecemento das correspondentes linguas oficiais do Estado e que en ningún momento se esixe o dominio dunha lingua estranxeira?

Para poder realizar o que pretenden, Srs. da Xunta, comecen por reformar a Constitución, en concreto o art. 149, e conseguirán deste xeito para Galiza un réxime xurídico propio e distinto do do Estado. Unha vez acadada esta reforma, e despois de ter modificados outros artigos da Carta Magna, entre eles tamén o 3º, poderán executar estas propostas.

Mentres tanto, e antes de volver falar sobre isto, lean a Constitución, esa norma que, por un lado, din venerar e que, por outro, ignoran cando lles convén.

 

Eduardo Álvarez González

Ligazón permanente     Ainda sen comentarios



Enviar un Comentario:
  • Sintaxe HTML: Permitida