Ensino en galego, un dereito irrenunciábel

RSS Feeds

Cordialidade para os mansos

As palabras son para comunicarnos, existen para que poidamos compartir os nosos pensamentos, sentimentos, necesidades... Porén moitas veces esas mesmas palabras contribúen a levantar entre nós un muro de incomunicación, ou son empregadas para manipular a realidade desvirtuando os feitos obxectivos, convencernos de que as cousas son diferentes a como nós as vemos e crear para todos unha realidade que se axusta ás directrices de quen nos quere dirixir nunha determinada dirección.
“Cordial” é un adxectivo que pasou a ocupar o lugar central do actual discurso do goberno, cada vez que escoitamos unhas declaracións, escoitamos a palabra cordial, e eu pregúntome, canto de hipócrita ou de cínico hai no emprego desta palabra? Tal vez quen a empregue estea usando simplemente un sinónimo de amábel, no dicionario, e queira dicirnos que cordial é facer as cousas, falar e pensar como el pensa, fala e actúa.
Sempre que escoito esta palabra penso na súa etimoloxía, pois cordial significa, etimoloxicamente, “de corazón”. E canto de cordial hai na actuación de quen nos fala de cordialidade?
É cordial a presentación da nosa realidade lingüística completamente distorsionada, desde o interese por camiñar cara a unha menor presenza do noso idioma en todas as esferas?
Foi cordial a modificación da Lei da Función Pública para que os funcionarios do futuro non teñan que demostrar mediante a realización dun exame que teñen capacidade para nos atender en galego algún día?
Foi cordial a redacción dunha enquisa sobre o uso do galego no ensino en que non se nos permitiu dicir que queremos superar o uso do galego que marca o actual decreto ou o intento non disimulado de prohibir a reflexión sobre a forma de facer esta enquisa ou de explicar que significaba realmente?
Foi cordial a eliminación da gratuidade dos libros de texto, unha conquista social comparábel aos medicamentos subministrados para os usuarios da Seguridade social, alimentando un debate fraudulento do que desaparece o fondo da cuestión, que é a garantía dos servizos públicos, e que se basea nun modelo antipedagóxico fundamentado no consumismo do papel e do libro e que ademais fixa un umbral económico moi baixo, que pode ser reducido no futuro?
É cordial a actitude do Partido popular cando ampara e propicia as progresivas mocións de censura que se están a producir desde abril, e que agora mesmo puxeron a súa gadoupa sobre Gondomar, servíndose para iso de concelleiros denunciados e condenados por prevaricación ou doutros concelleiros que están a cometer irregularidades urbanísticas de gran calado?
Son cordiais as declaracións da Conselleira de Traballo, a persoa que debe mediar na negociación do Metal e que debe asumir a responsabilidade de acadar unha solución satisfactoria ao conflito, cando di que os traballadores en folga van quedar na rúa e terán que buscar traballo dentro de pouco tempo?
A conclusión vai ser que a cordialidade, ou para sermos exactos e falar con precisión, a mansedume é para que a practiquemos nós, mentres eles aplican a súa vara de medir e desandan o avanzado.
Esta sociedade asimétrica en que vivimos, é un pouco máis asimétrica e desigual cada día que pasa. A loita do Metal de Pontevedra é a demostración da realidade que estamos a vivir. Porque non estamos só ante unha loita laboral, non estamos só ante a demanda de negociación dun convenio, estamos ante un pulso social en que o sistema, facendo uso outra vez dunha crise económica que eles crearon, quere reprimir e afogar o dereito a termos unhas mellores condicións laborais e procura manternos suxeitos á cadea dun salario indigno e alienante que acaba por obrigarnos a traballar por riba das oito horas e a ser incapaces de revolvernos contra a inxustiza cando chegamos a casa cansos ou accidentados.
Mais hoxe rematamos o camiño a Compostela e non renunciamos a camiñar un día “por terra liberada”.

Marta Dacosta, 30 de xuño de 2009.

Permalink     No Comments



Enviar un Comentario:
  • Sintaxe HTML: Permitida