Parlamento Galego
Tres representantes das forzas políticas presentes no Parlamento Galego, exdeputados da Cámara, acoden recentemente a un programa de debate nunha televisión local de Compostela. Na conversa previa, sesión de maquillaxe, coinciden en que o impacto da actividade do parlamento autonómico na sociedade galega é excesivamente cativo. Para entendermos a dinámica da institución galega de representación democrática máis importante coa que contamos, hai que ter presente tres aspectos diferentes. Un deles é que tipo de autonomía política, que competencias legais ten o actual marco autonómico; outro é, como asumen este marco, con que intención, as distintas forzas políticas; o terceiro, como inciden os medios de comunicación na transmisión á sociedade da actividade parlamentar. A mestura dos tres explica o impacto e a avaliación do Parlamento Galego pola nosa sociedade.
O nacionalismo galego maioritario mantivo respeito do marco autonómico, a autonomía outorgada e, polo tanto, limitada, unha posición crítica, expresada mesmo co non no referendo do estatuto vixente. Sen dúbida, foi unha posición consecuente cunha estratexia ideolóxico-política, plasmada na defensa dunhas Bases Constitucionais para a Nación Galega, condición previa para articular un Estado confederal. Lembremos que eran os tempos da transición pactada. Naquel contexto político o nacionalismo non tiña presenza nas Cortes Xerais, a súa importancia electoral era testemuñal, malia a súa capacidade movilizadora. Estaba conformando unha base social con mínimos, pero claros, referentes ideolóxicos. Optouse por privilexiar o perfil, a alternativa propia, conscientes de que era a mellor maneira de crear unha dialéctica non confusionista e socialmente incisiva . Porén, nunca houbo dúbidas sobre a participación no novo marco político, a necesidade de conseguir representación nas institucións resultantes.
O Parlamento Galego constituído no Pazo de Xelmírez o 19 de decembro de 1981 contou coa presenza de tres deputados do Bloque-Psg. Non podía haber maior contradición entre o significado histórico e real do espazo elexido e a concepción dese Parlamento por parte de quen o hexemonizaba e controlaba, a dereita sucursalista española. Desde o público, querendo darlle ao acto un valor simbólico galego, en contraste co aplanado discurso oficial, a penas tres voces iniciaron ao final o canto do himno galego provocando o estupor e a incómoda parálise dos organizadores.
Moito choveu desde entón. Pero aínda estamos con himno galego cortado á metade, unhas veces, con versións aflamencadas, outras. Chegamos coa nova presidenta ao case esquecemento, axiña rectificado, dun xesto simbólico asumido de forma forzada, porque, xa se sabe, o himno da nación fainos cada xogada, tanta, que debemos aclarar a posteriori, en nota ad hoc, que quixemos dicer himno de Galicia, non vaia ser...O himno é un incordio, unha imposición, igual que aceitar que o pobo galego e a súa lingua deben existir, ter dereitos políticos. Non pensemos no Parlamento como lugar privilexiado para a súa expresión. Por certo, a maior parte dos deputados e deputadas, como a maior parte do público convidado, agora se ergue para escoitar, coa boca cerrada, o himno enlatado. A súa aparente solemnidade, o seu hieratismo, oculta, no mellor dos casos, que non o saben ou que non están dispostos a condescender con xestos simbólicos de intención tan perversa. Todo o máis, aceitar unha ficción momentánea, ou unha falsificación. Toda unha metáfora ou alegoría do que é para algúns a autonomía, dos límites do Parlamento Galego...
A maiores, xulguen como tratan os medios de comunicación a dinámica parlamentar galega, comezando pola RTVG, e comprenderán por que é un apéndice político residual, por que non é centro de atención da nosa sociedade. Con razón, ao rematar o programa televisivo, un dos exdeputados advertiume que, para o traballo de oposición que agora nos esperaba no Parlamento ter algo de incidencia, debía arrouparse socialmente fóra. Que non podía ficar acoutado ás catro paredes do Pazo do Hórreo.